Wednesday 08 de May de 2024

As parroquias de Brión, Boullón, Os Ánxeles e Viceso beneficiaranse do despregamento de redes ultrarrápidas de acceso a Internet


 

As melloras beneficiarán á veciñanza de Mourentáns (Viceso), Tembra (Boullón), Cabanas e Gontade (Os Ánxeles) e practicamente todas as aldeas da parroquia de Brión

O alcalde de Brión, José Luís García, celebra a confirmación do despregamento de redes ultrarrápidas de acceso a Internet en catro parroquias do municipio: Brión, Boullón, Os Ánxeles e Viceso. Unhas actuacións que a Administración Xeral do Estado, a través do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración, e a Xunta de Galicia, a través do Plan de Banda Larga 2020, están a promover de xeito complementario no concello.

García explica que “pola súa orografía, Brión sempre foi un lugar complicado para o despregamento de redes ultrarrápidas de acceso a Internet, polo que celebramos que catro das nosas parroquias fosen escollidas como beneficiarias destes plans”. Así mesmo adianta que “estaremos atentos ás convocatorias que este ano realice o Estado para poder continuar co despregamento destas redes noutras aldeas de Brión”.

Aldeas beneficiarias

Así, o Goberno do Estado ten previsto realizar actuacións para permitir servizos de acceso ultrarrápido a Internet nas aldeas de Cabanas e Gontade (Os Ánxeles) e Brans de Abaixo, Brans de Arriba, Brión de Arriba, Cabreiros, O Casal, O Enxo, Gronzo, Lamiño, Liñares, Pedrouzos e Quintáns (Brión). Ademais, o pasado mes de novembro a Administración Xeral do Estado ampliou estas subvencións do Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración, sendo tamén beneficiada a aldea de Tembra, na parroquia de Boullón.

Unhas actuacións que se complementarán co acceso dos veciños e veciñas de Mourentáns (Viceso) a redes ultrarrápidas de acceso a Internet de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica, que será desenvolto por Telefónica de España ao abeiro dunha subvención concedida pola Xunta de Galicia e cofinanciada polo FEADER.